O Ano Ricardo Portela aprázase a 2021 pola situación sanitaria
Por Redacción
O Ano Ricardo Portela que o Concello de Cerdedo-Cotobade prevía celebrar este ano 2020 con motivo do centenario do nacemento do gaiteiro queda aprazado ata o vindeiro 2021.
Segundo deu a coñecer o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o goberno local entende que as restricións e as medidas de seguridade sanitaria pola crise do coronavirus impiden que esta lembranza e posta en valor da súa figura se poida celebrar axeitadamente e coa máxima difusión.
Cubela explicou que o seu desexo é que a "merecida gran homenaxe ao gaiteiro de Viascón, sen dúbida un dos principais referentes da música tradicional galega e un orgullo para o noso concello", luza nas mellores condicións e chegue, na medida do posible, a toda Galicia. Non ven "viable" conseguilo coa actual situación sanitaria.
Ricardo Portela "merece o mellor polo seu centenario e imos darllo con toda a nosa humildade e sinxeleza, pero co máximo agarimo e esforzo", insiste Cubela, que cre que as previsións para o resto do ano apuntan a seguir mantendo a máxima prudencia, polo que a única saída é o adiamento.
A designación do Ano Ricardo Portela aprobouse por unanimidade do pleno da corporación a finais do pasado outono e Cubela deu a coñecer a intención do Concello de celebrar diversas actividades da man de todas asociacións culturais e da veciñanza e tamén de nomear ao famoso gaiteiro como Fillo Predilecto de Cerdedo-Cotobade.
Ricardo Portela (Viascón, 1920 - Pontevedra, 1992) foi un dos precursores da música galega, un gaiteiro excepcional e está considerado como o mestre do toque pechado, polo que ten unha importancia cultural de gran calado en toda Galicia e recibe anualmente unha sentida homenaxe en Carballedo, no mes de agosto, con motivo das actividades do Verán Cultural. En principio, este ano tamén se adiará por cuestións sanitarias.
Relacionadas:
-
RADIO.- A AGG reedita a biografía de Ricardo Portela cunha parte inédita tras o seu falecemento
Por Marisa Ciordia |
-
‘Ricardo Portela e Pontevedra’ será o tema dun faladoiro este xoves no Museo
Por Redacción |
-
Homenaxe a Ricardo Portela en Cerdedo-Cotobade no centenario do seu nacemento
Por Redacción |
-
Pontevedra reivindica a Ricardo Portela como "mestre de mestres" no centenario do seu nacemento
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
'Noite de rock' en Cercedo-Cotobade para celebrar o Día de Galicia
Por Redacción |
-
A XI Festa do Petote xa ten reservadas a metade das prazas ofertadas nos restaurante colaboradores
Por Redacción |
-
Ricardo Portela será nomeado fillo predilecto de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O Verán Cultural de Cerdedo-Cotobade contará con 23 actividades
Por Redacción |