Pedro Torres Diz convértese no novo director da Banda de Música Xuvenil de Barro
Por Redacción
Pedro Torres Diz, un músico formado no Conservatorio Superior de Música da Coruña na especialidade de trombón, será o novo director musical da Banda de Música Xuvenil de Barro durante o próximo curso 2020-21.
Substitúe no cargo a Santiago Mella e ocupará tamén, como o seu antecesor, o posto de director da Banda da Escola, que se atopa vencellada á Escola de Música Municipal de Barro. A directiva da Banda indica que aínda, ata o 30 de xuño, permanece aberto o prazo para matricularse.
Pedro Torres leva impartindo clases de instrumento en Barro desde hai un ano. A intención con este cargo é promocionar aos músicos que xorden da formación na Escola para que pasen a formar parte da Banda Xuvenil.
A idea do novo director é traballar seccionalmente coa banda, a través de ensaios específicos das distintas familias de instrumentos e coa idea de atender especialmente aos músicos máis novos.
Esta semana retomaranse os ensaios coas recomendacións establecidas polo Concello de Barro mantendo as distancias de seguridade sanitaria, uso de máscaras de protección e outras medidas. Durante esta primeira etapa prepararase o repertorio proposto por Pedro Torres para o calendario de actuacións do verán. A directiva da formación tamén ten previsto establecer un programa de concertos para recuperar a actividade no ámbito local.