A Carpa do Mar de Sanxenxo cancela a súa actividade ante as baixas expectativas de afluencia
Por Redacción
A empresa responsable da Carpa do Mar, un espazo que desde o pasado 3 de agosto albergou diferentes actuacións e espectáculos na Praza do Mar de Sanxenxo, anuncia a cancelación dos actos programados para os próximos días e a clausura da actividade deste recinto este mesmo martes cunha festa infantil gratuita a cargo do animador Javi Solla.
As baixas expectativas de afluencia que ofrecía a venda anticipada de entradas de cara ás Noites de Comedia programadas para este xoves e este sábado obrigaron aos responsables deste recinto á cancelación das mesmas e ao adianto da clausura desta Carpa do Mar, inicialmente prevista para o próximo 17 de agosto.
Finalmente, esta carpa para espectáculos con aforo para 900 persoas pechará a súa actividade este martes 13 de agosto cunha festa infantil gratuita ás 20.30 horas, logo de albergar os espectáculos de humor de Carlos Branco ou David Guapo, actuacións musicais, diferentes actividades dirixidas ao público infantil ou unha gala benéfica en apoio á Asociación Española Contra o Cancro.