Nieves Neira gaña o XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo coa reportaxe 'A fotógrafa, revelada'
Por Redacción
A xornalista luguesa Nieves Neira proclamouse gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu.
A súa reportaxe titulada A fotógrafa, revelada, e publicada no Diario de Pontevedra o 15 de marzo de 2019, foi a elexida entre máis de setenta traballos para recibir o galardón.
Para iso, o xurado reuniuse este domingo ao mediodía, e estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Alberte Mera, xornalista do Nós Diario, e Aser Álvarez, gañador do certame na pasada edición. Na acta, o xurado salienta "a presentación do tema desta reportaxe, a súa calidade lingüística, a precisión e o acompañamento das imaxes".
Así mesmo, segundo o xurado, o texto consegue retratar moi ben a vida de Maruja Roca, unha pioneira da fotografía galega, e o seu contexto.
Este premio, que foi dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.
Ademais da de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía, cuxo fallo se fará público este luns pola tarde, logo da reunión do xurado.
Na pasada edición os gañadores foron Arancha Nogueira co poemario O silencio das gaivotas (publicado co título Dente de leite) e ao periodista Aser Álvarez González coa reportaxe Ferrín e a poesía do circo, publicada no periódico Adiante.gal.