As Palmeiras, escenario da terceira edición da Troca de Libros
Por Redacción
O último domingo de xuño, o día 28, as Palmeiras de Pontevedra acollerán a terceira edición de Troca de Libros, un evento no que participarán 14 centros educativos da contorna e nove asociacións de nais e pais.
Entre as 11.00 e as 13.00 horas estarán instalados os postos nos que se poderán realizar os intercambios de libros. Estudantes dos centros educativos que entregaran durante o curso libros que non usaban poderán trocar os seus vales por exemplares que se atopen nesta feira do libro usado.
Trátase dunha actividade que estaba integrada no programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, pero tivo que desprazarse debido ao estado de alarma. A intención da organización, que corre a cargo do IES Torrente Ballester coa colaboración do Concello de Pontevedra, é que as persoas que asistan poidan comprobar que un libro ten máis vida das que moitas veces pensan os lectores.
Pódense intercambiar todo tipo de libros, agás enciclopedias. A única condición que se pide ás persoas participantes é que os exemplares se atopen no mellor estado posible para que quen os reciba poida aproveitalos. A organización agarda que se superen os 5.000 trocos da anterior edición.