A terceira edición do foro "As mulleres que opinan son perigosas" desenvolverase a través de internet
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os próximos días venres 26 e sábado 27 de xuño celebrarase a terceira edición do foro "As mulleres que opinan son perigosas", un encontro de xornalistas que neste ano 2020 vivirá unha edición especial e diferente xa que se desenvolverá a través de internet.
A iniciativa foi presentada este xoves pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e as organizadoras deste evento, Susana Pedreira e Diana López.
Carmela Silva lembrou que se o xornalismo é un sector dirixido maioritariamente por homes o da opinión é un xénero no que as mulleres levan anos pelexando para atopar o seu espazo.
"As xornalistas son o 63%, pero só o 15,5% da opinión está asinada por mulleres" e ademais, segundo revelou a presidenta provincial "dos 100 programas e medios informativos máis relevantes, só o 25% está dirixido por mulleres".
O alcalde de Pontevedra indicou que "fai falta seguir reflexionando sobre a igualdade en todos os ámbitos" e advertiu que "nas crises hai regresión, pero temos que poñer en valor a súa importancia".
Pola súa banda Susana Pedreira destacou que a crise do coronavirus e as súas consecuencias na profesión serán o marco no que as invitadas reflexionarán neste foro deseñado desde Pontevedra e que reúne a mulleres de diferentes xeracións e perfís, todas elas profesionais do xornalismo e da escritura.
Susana Pedreira explicou que "por culpa da covid-19 tivemos que reprogramar o congreso, que se ía a celebrar en maio" e por iso "decidimos que o confinamento e a precariedade tiña que ser o pano de fondo en 2020".
O programa do foro empeza o venres 26 de xuño ás 17:15 horas con Claudia Morán e Tamara Montero en representación de Xornalistas Galegas que abordarán o tema "As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións".
Ás 18:00 horas, Clara Jiménez Cruz falará de "Maldita.es: xornalismo para que non cha coen". A directora da Marea, Magda Bandera, disertará ás 18:45 horas sobre o tema "Medios cooperativos con axenda propia e perspectiva de xénero. Proxectos colectivos".
Xa na xornada do sábado 27 de xuño, ás 11:30 horas a xornalista Noemí López Trujillo expoñerá a súa visión sobre o "Reporterismo feminista. A elección dos temas e as voces protagonistas". Ás 12:15 horas será Ángeles Caballero quen fale da "Actualidade política. Humor e cor na crónica" e finalmente as xornalistas Sara Vila e Selina Otero abordarán a crise da Covid-19 desde unha perspectiva local cun enfoque concreto "A educación que vén", ás 13:45 horas.