A VI Feira da Artesanía e Comercio reúne ata o domingo 30 artesáns en Cambados
Por Redacción
Este venres quedou aberta ao público a VI Feira da Artesanía e Comercio de Cambados, unha mostra na que participan máis dunha trintena de artesáns, 21 dos cales contan coa marca Artesanía de Galicia.
Na mostra, que se celebra durante toda a fin de semana, poderase ver o traballo de profesionais de oficios como a olería, a madeira, o téxtil, o encaixe, o coiro, a cerámica, a forxa, a cestería, a bixutería ou a pedra.
Ademais da exposición e venda dos produtos, completan o programa actividades paralelas relacionadas coa música, a exposición de pezas e as demostracións en vivo. Os visitantes poderán visitar a feira en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 22.00 horas, no Paseo da Calzada, un espazo próximo ao centro da vila e ao conxunto histórico de Cambados.
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración e resaltou o papel clave que xogan mostras como a de Cambados no fomento do produto artesán, potenciando a marca Artesanía de Galicia como identificadora da procedencia e da calidade que o caracteriza. Así mesmo, destacou a importancia das feiras de venda directa ao conformar un lugar de confluencia de produtores e destinatarios.