'Unha pantasma con asma', de Kalandraka; proposta para ler con #AfundaciónEnCasa
Por Redacción
Afundación en casa desenvolve propostas durante estes días coa intención de fomentar a cultura entre todos os públicos. A nova sección leva por título Bibliotecasa e presenta audiolibros e contidos para os máis pequenos da casa.
Esta semana a sección audiocontos permitirá escoitar a historia de 'Unha pantasma con asma', unha obra escrita pola profesora gaditana Carmen Gil, que conta con ilustracións de Sarah Webster. Este traballo foi publicado pola editorial pontevedresa Kalandraka e desenvolve un conto en verso cunha elevada dose de humor, tanto para os menores como para os adultos.
Un personaxe estrafalario que precisa agarimo e amizade animará ao público infantil a estimular a imaxinación entre ilustracións de estilo impresionista e un ambiente pantasmagórico. Este conto está recomendado para menores que superen os cinco anos de idade.
'Afundación en casa' é o novo portal de acceso libre e gratuíto, creado a pedimento de Abanca e a súa Obra Social no que se establecen actividades para que se poidan levar a cabo no ámbito familiar desde os domicilios galegos.