Reabren as bibliotecas pero só para préstamo e devolución de libros
Por Redacción
Novo paso cara á normalidade en Sanxenxo coa decisión de reabrir as bibliotecas municipais a partir do luns 1 de xuño.
O servizo retomarase aínda que só para a actividade de préstamos e devolucións de libros, permanecendo de momento como prohibido o uso dos computadores e da sala de estudo.
SANXENXO
O horario de apertura para as bibliotecas de Sanxenxo e Portonovo será de 11:00 a 14:00 horas e para a de Vilalonga, de 17:00 a 20:00 horas, con prioridade na primeira quenda para os maiores de 65 anos.
A pesar da apertura, recoméndase acudir con cita previa chamando ás bibliotecas e reservando os exemplares, de maneira que o persoal poida ter listos os libros para cando se acuda a recollelos.
Será obrigatorio o uso de máscara e contarase con xel hidroalcólico para a desinfección de mans á entrada dos recintos. Recoméndase á súa vez acudir de maneira individual e os menores de 14 anos deberán facelo sempre acompañados dun adulto.
Ademais, co obxectivo de minimizar riscos para os usuarios, o protocolo elaborado para os préstamos esixirá poñer en corentena durante 14 días o material devolto antes de que poida ser prestado de novo.
Será posible contactar coa biblioteca de Vilalonga a través do teléfono 986 744 879 e o correo vilalonga.sanxenxo.rbgalicia@eidolocal.es; coa de Portonovo no teléfono 986 691 149 e o correo portonovo.sanxenxo.rbgalicia@eidolocal.es e coa de Sanxenxo a través dos teléfonos 986 727 936 e o correo sanxenxo.rbgalicia@eidolocal.es.
MARÍN
En Marín la Biblioteca Pública Vidal Pazos volverá abrir ao público a partir do luns, con horario de atención ao público de 09.30 a 13.30 horas. Só estará permitido o préstamo e a devolución de libros, que serán depositados nunha caixa diferenciada a medida que vaian chegando á Biblioteca, para gardar a corentena esixida polos protocolos sanitarios para os exemplares.
Aínda permanecerán pechadas tanto as salas de estudio como as de consulta bibliográfica e non estará permitida a consulta de coleccións nin tocar os libros expostos. Desde a Biblioteca lembran que segue activo e sen necesidade de carné de usuario o préstamo de libros electrónicos a través do catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Tamén estará aínda sen abrir a sala infantil, que, de todos os xeitos, xa tivo este sábado unha "reapertura virtual" coa publicación dun vídeo nos perfís sociais do Concello no que se pode ver, en formato time lapse, a nova imaxe deste espazo para os máis pequenos, cuns vinilos onde un Gago de Mendoza xuvenil vive aventuras con diversos personaxes de ficción.
Por outra banda, a Concellaría de Cultura anunciou tamén que o Museo Manuel Torres reabrirá as súas portas cun 30% do seu aforo como máximo, gardando así todas as garantías sanitarias derivadas da pandemia. O Museo abrirá no seu horario habitual, de martes a domingo de 11,00 a 14,00 horas e de martes a venres de 18,00 a 20,00 horas.