Paz retoma os seus eventos culturais cun vermú con Iria Pinheiro e María Lado
Por Redacción
Tres meses despois, a librería Paz de Pontevedra retomará os seus habituais eventos culturais con autores literarios. Será cunha edición moi especial do seu particular Vermú entre libros, que se celebrará o sábado 6 de xuño.
As protagonistas, todas elas femininas, serán a actriz Iria Pinheiro e a poeta María Lado, que colaboraron xuntas nun proxecto literario titulado Uralita. Ambas estarán acompañadas da filóloga e poetisa Oriana Méndez.
Este encontro estaba previsto para o pasado mes de marzo e tivo que ser suspendido pola declaración do estado de alarma.
As restricións que impón a "nova normalidade", con todo, obrigarán a realizar unha serie de cambios na participación dos asistentes.
Para non superar o aforo permitido, o público accederá por quendas de dez persoas. Haberá tres horarios, as 12.30 horas, as 12.55 horas e as 13.25 horas.
Cada persoa que asista deberá contribuír con dous euros, importe que se entregará de maneira íntegra ás autoras participantes para axudarlles a cubrir os seus gastos de desprazamento.
Os interesados en asistir deberán realizar unha reserva previa a través do correo electrónico librariapaz@gmail.com.