O Atlantic Fest, aprazado ata 2021: "Facemos o único que temos na nosa man para axudar a combater á COVID-19"
Por Redacción
O Atlantic Fest, que este ano tiña previsto celebrarse en Vilagarcía de Arousa os días 24, 25 e 26 de xullo de 2020, súmase á lista de festivais aprazados pola pandemia do coronavirus. A organización deu a coñecer este luns que a quinta edición do festival, a primeira nesta localización tras mudarse da Illa de Arousa, celebrarase finalmente os días 16, 17 e 18 de xullo de 2021.
"Desde Atlantic Fest facemos o único que temos na nosa man para axudar a combater á COVID-19, que é evitar calquera risco que supoñería a celebración do festival", explicou a organización a través dun comunicado no que destaca que sempre tiveron "moi claro" que o seu público era a súa prioridade, e nestas circunstancias tan especiais aínda máis.
Así, apelan á seguridade de todos os implicados no desenvolvemento do festival, público, artistas, traballadores e poboación de Vilagarcía, para tomar esta decisión. Trátase dun paso "excepcional e difícil", pero móstranse "totalmente convencidos" de que é a postura "máis acertada".
A quinta edición de Atlantic Fest posponse para xullo de 2021 cuns obxectivos ben claros: "volver ver as vosas caras de novo gozando da música en directo, nun espazo onde poder volver abrazarse, bailar xuntos sen metros que nos separe, onde podamos volver saudarnos como a nós gústanos, con bicos…" En definitiva, renuncian a celebrarse este verán para poder facelo o próximo nas condicións máis idóneas posibles.
Avanzan xa que a pausa só servirá para que volvan con máis forza e que as entradas xa adquiridas serán válidas para as novas datas do festival, 16, 17 e 18 de xullo de 2021.
A organización anuncia tamén que abren un prazo para solicitar a devolución do importe da entrada que comeza o 15 de xuño de 2020. Todas as persoas que teñen unha entrada para esta edición recibirán un email da tiquetera con información.
Ademais, xa avanzan que en breve irán confirmando os artistas que formarán parte desta nova edición. Para a de 2020 xa estaban confirmados o artista C. Tangana, a 'cantaora' flamenca María José Llergo, o grupo de electropop Ladilla Rusa, o artista de R& B Tito Ramírez, Kaixo, Amaia, Fuerza Nueva, Carolina Durante, Javiera Mena, Derby Motoreta' s Burrito Kachimba e Núria Graham.
Relacionadas:
-
Atlantic Fest presenta o vídeo da súa última edición marcada pola Covid e avanza na organización do próximo festival
Por Redacción |
-
O Atlantic Fest pon rumbo a 2021 cun concerto de La Bien Querida
Por Redacción |
-
Saen á venda as entradas para o concerto de León Benavente no Auditorio de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Os Rías Baixas Fest organizarán microconcertos nos meses de setembro e outubro
Por Oskar Viéitez |
-
O Rías Baixas Fest prepárase para marcar un plan de traballo cando remate o estado de alarma
Por Redacción |
-
Carolina Durante estará, xunto a Javiera Mena e Núria Graham, no Atlantic Fest 2020
Por Redacción |