The Posies cancelan o seu concerto en Pontevedra, previsto para xuño
Por Alejandro Espiño
A banda estadounidense The Posies, que ía ser un dos grandes atractivos da programación cultural de Pontevedra para os próximos meses, anunciaron este martes que suspenden a súa xira en España polo coronavirus.
Ademais de Pontevedra, onde ían actuar o próximo 14 de xuño, o circuíto de The Posies ía pasar por outras seis cidades españolas: Logroño, Oviedo, Salamanca, Sevilla, Valencia e Terrassa.
"Co corazón encolleito, debemos anunciar a cancelación das datas de The Posies en España en xuño de 2020", sinala a banda nun comunicado, no que lamentan que as condicións para os concertos "aínda non son seguras" e, ademais, as viaxes internacionais neste momento "non poden garantirse".
A pesar da pandemia, aseguran que "tiñamos a esperanza" de poder actuar en España, pero ante a evolución da crise consideran que "é demasiado pronto".
Tras destacar o moito que lles gusta actuar no noso país, pola cálida recepción que sempre reciben, avanzan que "regresaremos cando as condicións para realizar concertos volvan ser seguras".
"Isto pasará! Sabemos que España está a sufrir moito e os nosos corazóns están con vostedes. Pero gañaremos esta pelexa e a música en directo estará alí cando o celebremos", conclúe o comunicado da banda, que desexa ao público "boa saúde e un espírito forte" para superar este "desafiante" momento.