As direccións de bibliotecas e museos dependentes da Xunta analizarán esta semana como reabrir as súas portas
Por Redacción
Desde a Xunta de Galicia anuncian que se está a intensificar o proceso para reabrir de maneira progresiva os centros de titularidade autonómica e aqueles que xestiona no ámbito de museos e bibliotecas.
Con motivo da entrada en funcionamento da fase 1 do Plan de desescalada, a administración autonómica solicitou a cada centro directivo que realice unha análise das medidas establecidas polo Goberno central a través da orde publicada o sábado 9 de maio a través do Boletín Oficial do Estado (BOE).
A Xunta establece unha semana como prazo mínimo para que se realicen as actuacións preliminares e unha vez que se establezan esas medidas preventivas que se inclúen na orde do Goberno, iranse abrindo de maneira progresiva os equipamentos en varias fases coa reincorporación efectiva do persoal, atendendo ao Protocolo que establece o regreso dos empregados públicos ao traballo presencial e ás medidas aprobadas polo Consello de la Xunta.
O goberno galego sinala que desde o 4 de maio, a atención é telemática naqueles Arquivos xestionados directamente pola Xunta, agás nos casos de que sexa absolutamente imprescindible a atención presencial. Nestes casos limítase a 10 documentos ou unidades de instalación física por xornada de traballo.
A Xunta sinala que durante estas semanas de confinamento impulsouse a plataforma de préstamo electrónico a través de GaliciaLe. Este sistema permite acceder a máis de 4.500 libros, revistas e audiovisuais. Manterase activo ao mesmo tempo que as bibliotecas retomen progresivamente a súa actividade.
Os museos tamén continuarán abertos en visitas virtuais a través da microsite 'Galicia, na túa casa'. Durante o estado de alarma, máis de 13.000 persoas accederon a esta opción, á que se sumou a Cidade da Cultura coa dixitalización da exposición 'Galicia, un relato non mundo'.
Entre os centros de titularida da Xunta, na zona das Rías Baixas atópanse o Arquivo Histórico de Pontevedra, o Museo Massó de Bueu e a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra.