O Consello Asesor elixe por unanimidade a proposta de logotipo para o Museo
Por Redacción
Este mércores 6 de abril, realizouse unha reunión por vía telemática de todos os membros do Consello Asesor do Museo na que se seleccionou a proposta na que se baseará a futura identidade visual do Museo.
De momento, non transcendeu a autoría do proxecto nin a imaxe do logotipo gañador, á espera de pechar os trámites necesarios para definir a nova identidade visual do Museo. En concreto, ábrese agora un período de perfeccionamento da candidatura gañadora. O vindeiro paso antes de dar a coñecer a versión oficial será a celebración dunha reunión presencial co equipo autor da proposta gañadora e debater sobre algúns elementos da composición, para logo concretar o deseño final.
Foron catro as candidaturas que se estudaron: a de Uqui Permui, Tamara Baz, Costa Comunicacion Visual SL, e Cenlitrosmetrocadrado Sociedade Coop Galega, con conceptos moi diferentes entre si, informan desde o Museo. Pasaron á valoración final dúas das propostas e, logo dun intenso debate, nunha última consulta a decisión foi unánime, coa abstención do vicepresidente da Deputación, César Mosquera.
As características do novo deseño máis destacadas foron a lexibilidade, que a proposta é icónica e fai referencia a elementos singnificativos do propio Museo, que ten unha presenza visual potente e perfectamente combinable con outros logotipos, así como a flexibilidade de uso en diferentes elementos e soportes.
Outra cuestión debatida dentro da reunión do Consello Asesor foi a idoneidade de manter o actual logotipo, obra do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota, como un elemento de comunicación complementario. "A imprescindible renovación da identidade gráfica do Museo de Pontevedra non debe supor a perda da súa tradicional imaxe icónica, polo que se deberá valorar a posibilidade de que o actual logo, deseñado por De la Sota, recupere a súa finalidade primixenia e se manteña como ‘ex libris’ nas publicacións periódicas do Museo", adiantou Xosé Manuel Rey, o director do Museo.
Tanto o vicepresidente César Mosquera, responsable político do Museo, como o director da institución manifestaron a súa satisfacción pola implicación das persoas do Consello, que tiñan moi estudadas as diferentes opcións.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra reabrirá prorrogando as exposicións de 'Leopoldo Novoa' e 'Debuxantas'
Por Redacción |
-
O Museo continúa co concurso para a súa nova imaxe corporativa a pesar da alerta sanitaria
Por Redacción |
-
A nova identidade corporativa do Museo está nas mans de catro candidaturas galegas
Por Redacción |
-
O Museo recibe 40 candidaturas para deseñar a súa nova identidade visual
Por Redacción |