Kiko da Silva pide exencións fiscais para os autores: "Non vai haber curro ata 2021. De que se vai vivir?"
Por Anxo Lourido
O ilustrador e debuxante Kiko da Silva deixou patente o seu enfado en redes sociais coas medidas que están a adoptar os gobernos, tanto central como autonómico, en relación ao persoal creativo. O director da Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración O Garaxe Hermético considera que a política de axudas que se está a realizar é inxusta coas pequenas empresas e co colectivo de creadores.
O Garaxe Hermético, que conta cun cadro laboral de nove profesores, ademais doutros colaboradores remunerados, buscou as fórmulas para seguir ofrecendo a formación ao alumnado a través de sistemas telemáticos. Kiko da Silva fixo todo o posible para evitar un ERTE que afectara ao profesorado a pesar de que as familias dos estudantes tamén tiñan diferentes problemas económicos ao sufrir as consecuencias da crise derivada da pandemia, pero as clases se mantiveron sen practicamente baixas.
Malia todo, os gastos para a Escola aumentaron durante estes meses: "a situación é dificilísima porque a empresa tivo que mercar accesos a programas especiais para dar as clases online, mercar trípodes e cámaras para dar as clases porque o traballo non é teórico, é ensinarlles a traballar", explica Kiko da Silva para indicar que se necesitan unha serie de ferramentas fundamentais para impartir as clases desde a casa. A eses gastos sumáronse os habituais: "paga o alugueiro dun local que non utilizamos, non nos deixan dar de baixa a luz ou a auga, porque para iso temos que dar de baixa a empresa. E eu non quero porque intento seguir pagando aos traballadores". afirma o director da Escola, que continúa sumando facturas:"teño que pagar teléfono e internet dun local pechado, tiven ademáis que seguir pagando autónomos e impostos", laiase indicando que nestes casos de empresas culturais pequenas precisan unha axuda por parte das administracións.
Por este motivo reclama exencións fiscais para este tipo de situacións: rebaixa do IVE, do IRPF ou que se poidan evitar os custo de auga ou de enerxía eléctrica. "Non é xusto. Non quero botar aos meus traballadores. Non ten sentido pagar por uns servizos que non estou usando. Deberían pensar nas pequenas empresas que estamos pagando autónomos, impostos e aos traballadores que non están indo ao paro e non temos ningunha axuda. Necesitamos axudas fiscais para non afogarnos", afirma Da Silva.
O coñecido debuxante alega que as pequenas empresas non contan cos beneficios das grandes multinacionais para manter os soldos do persoal sen contar coa actividade normal nun escenario tan complexo como o provocado polo Covid-19. Por este motivo arremete contra as medidas anunciadas polo Ministro de Cultura: "as axudas á cultura son unha tomadura de pelo. A cultura non son só as empresas, son os creadores. As axudas que dan son para a industria de cine porque queda moi bonito na tele, é moi visual; e as exencións fiscais son para os ricos no plan do Ministerio. Son para os mecenas, para os que teñen pasta. Pero para os creadores, nada".
"A solución non é dar axudas a quen deixa de traballar. Os ilustradores levamos toda a vida teletraballando. Podíamos non parar e seguir producindo. Queremos seguir traballando. Non queremos acabar no paro"
Kiko fundaba O Garaxe Hermético en 2012 e o seu profesorado está composto por autores que contan con ingresos fundamentalmente derivados do seu labor editorial, ao igual que sucede con gran número de profesionais do gremio de artistas e creadores. Por iso teme que esta crise vaia provocar un desastre en todo o sector porque na maioría dos casos non poden acollerse ás axudas: "para demostrar que non tiveron ingresos teñen que agardar ata o 2021 para demostralo, porque non teñen declaracións trimestrais. É que non existimos. O ministro non falou de creadores e autores. Non hai unha medida para nós. Só din que haberá unha porcentaxe que non se sabe cal é se quedas no paro. A solución non é dar axudas a quen deixa de traballar. Os ilustradores levamos toda a vida teletraballando. Podíamos non parar e seguir producindo. Queremos seguir traballando. Non queremos acabar no paro", argumenta Da Silva sinalando que o ministro só anunciou unha "miseria" para os creadores se rematan sen traballo. "Para que non morran de fame", sentenza irónicamente o historietista.
No seu caso, conta con liquidez mensual ao traballar como viñetista en El Correo Gallego pero preocúpanlle os seus compañeiros de profesión: "se dependen ao 100% do labor editorial, non teñen ingresos, porque non se está facendo liquidación de dereitos de autor, que correspondian xa en abril e seguramente non os haxa ata finais de ano. Hai moita xente que non vai ter curro ata 2021. E se non publicas, non cobras. De que van vivir?".
Kiko da Silva recoñece que o nivel de precariedade no mundo da creación é xigante pero agora, tras esta situación, vai ser xa imposible dedicarse a esta profesión "porque imos estar un ano sen curre a nivel profesional", admite ante o parón das novas publicacións que se agarda para este ano. "Se ti vives do mundo do libro, non vas ter ingresos. Pásalle tanto aos grandes autores como aos pequenos. Estamos nunha situación de indefensión. Se non che pagan os dereitos de autor. Iso son as túas vendas" e calcula que neste 2020 van aprazarse todas as publicacións previstas.
"A Xunta ten que ver por outro tipo de arte, que tamén é industria. Moitas das cousas que se plantexaron para o Xacobeo son completamente inviables"
"Estamos abocando a que haxa unha debacle no mundo cultural moi forte. Falo de compositores, guionistas... que estamos moitas veces na sombra e agora estamos híperdesprotexidos e pagamos o mesmo a pesar de que non temos ingresos porque non podemos demostrar esa falta de ingresos ao ser autónomos. Foi xa o que me dixo a miña xestoría", explica.
Tamén lamenta a falta de perspectiva da Xunta de Galicia ao continuar centrando toda a actividade cultural nos actos do Xacobeo: "Iso é turismo. Non vai ser a salvación de nada. Teñen que ver por outro tipo de arte, que tamén é industria. Moitas das cousas que se plantexaron para o Xacobeo son completamente inviables. Como se vai facer un festival se na escola se está pensando en poñer os rapaces de 15 en 15?", pregúntase.
Nesta paisaxe chea de incertezas, O Garaxe Hermético seguirá, contra vento e marea, con actividade e a dirección xa ten aberto un novo período de matriculación para os cursos profesionais de Banda Deseñada e creación literaria e ilustración 2020-21. Nas primeiras horas de apertura do período de inscrición matriculáronse tres estudantes. Aquelas persoas interesadas en matricularse deben chamar ao teléfono 610 33 73 12
Relacionadas:
-
Laura Titimoki publica 'Ata 10', un libro ilustrado cunha historia didáctica e divertida para os máis pequenos
Por Anxo Lourido |
-
A Libraría Paz retoma a actividade no seu particular "annus horribilis"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Aforamento reducido, varios pases por espectáculo e programación todo o ano, propostas do Pazo da Cultura
Por Alejandro Espiño |
-
#ganasdelibrarias, campaña virtual para apoiar aos libreiros de Pontevedra
Por Redacción |