Escola de Lectura para Familias Curiosas terá sesións todos os venres ata mediados de xuño
Por Redacción
O Salón Virtual do Libro Infantil e Xuvenil reformula a súa Escola de Lectura para Familias Curiosas e presenta seis novas sesións que se celebrarán online todos os venres a partir deste 8 de maio e ata o 12 de xuño.
A iniciativa dá resposta á necesidade das familias de poder acceder a contidos e dinámicas para que os nenos leven da mellor maneira posible o tempo de confinamento e tamén se poidan preparar para a realidade que lles agarda tralo estado de alarma.
Charo Pita, Anxo Fariña, Uxía Senlle, Reviravolta, Luz Gallego de Seijas e María Lado compartirán os seus coñecementos en vídeos difundidos nas canles habituais do Salón: Facebook, Instagram, Youtube e na web: www.salondolibro.gal
A segunda edición da Escola de Lectura para Familias Curiosas, organizada polo Salón do Libro, comezaba a súa andaina con éxito o pasado outono. As medidas impostas para frear a pandemia do coronavirus motivaron que quedasen sen programar as últimas sesións.
Dende a organización do Salón do Libro decidiuse non só retomar as sesións pendentes que se puidesen adaptar a formato online, senón ampliar a oferta.
"Abrazar con palabras" será a primeira proposta este venres 8 de maio ás 18 horas da man de Charo Pita. Anxo Fariña impartirá a segunda: "Ver a vida doutro xeito. Mindfulness creativo en familia". Haberá sitio para a música nas "Coplas e Cantos galegos na casiña" de Uxía Senlle. Reviravolta achegará a súa sesión "Cos libros tamén se xoga" e Luz Gallego de Seijas as súas recomendacións en "Palabra de libreira". Pechará o programa o venres 12 de xuño a escritora Maria Lado con "Familias que escriben".
A conversión a formato virtual responde á política de non cancelación de actividades programadas e a favor da cultura remunerada que está a levar a cabo a Concellaría de Cultura de Pontevedra e nace para dar resposta a unha necesidade.
"Durante o confinamento detectamos que había moitas actividades e contidos dirixidos á cativada pero pouca formación para familias, para que fagan os seus propios contidos e dinámicas para encher as horas dos dias de confinamento e da nova realidade que nos agarda" apunta a organización do Salón.
Relacionadas:
-
Punto e final ao Salón 'virtual' do Libro despois de 73 días de actividade
Por Redacción |
-
O Salón do Libro celebra o Día da Danza cun espectáculo virtual da compañía Pesdelán
Por Redacción |
-
Maratón de contos para celebrar o Día do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción |
-
Contos virtuais para entreter os máis pequenos durante a corentena
Por Alejandro Espiño |