Belas Artes anima ao alumnado a compartir os seus traballos nas redes sociais
Por Redacción
Dar visibilidade ás creacións as que o alumnado de Belas Artes dá forma nos seus fogares nestas semanas de confinamento. Ese é o obxectivo de #eucreonacasa, a iniciativa que a facultade lanzou nas últimas semanas a través das redes sociais, na que convida ao estudantado a que achegue imaxes dos proxectos que están a desenvolver, tanto académicos como persoais.
"É un xeito de facer da facultade un lugar creativamente máis presente na rede", salienta no Diario da Universidade de Vigo o decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, da iniciativa impulsada pola coordinadora das redes sociais e da web do centro, Sara Donoso.
"Xa que temos que quedar na casa, pensamos que podería ser un bo momento para lanzar unha especie de convocatoria e pedir ao alumnado que nos envíase imaxes do que está facendo, de en que están traballando desde as súas casas, cando menos para poder compartir outras cousas que non sexan sempre sobre o mesmo tema", apunta Donoso dunha iniciativa que, recoñece, non está a obter nos seus primeiros días unha elevada resposta por parte do alumnado.
A proposta, engade, céntrase en dar a coñecer obras que o alumnado pode estar levando a cabo e que poidan estar vencelladas aos proxectos que se desenvolven para os seus traballos de fin de grao ou para as diferentes materias da titulación, pero tamén creacións xurdidas das súas iniciativas persoais.
"Por exemplo, unha alumna compartiu unha serie de ilustracións que fixo precisamente para evadirse", apunta Donoso dunha actividade que propón difundir estas creacións coa etiqueta #eucreonacasa desde as contas de Belas Artes en Instagram e Facebook, "xa que as redes da facultade teñen outro tipo de seguidores que aqueles aos que pode chegar ao alumnado, polo que vémolo tamén como unha oportunidade de dar visibilidade aos seus traballos".