Poio aposta pola celebración da Festa dos maios en clave interactiva e dixital
Por Redacción
A Concellería de Cultura non renuncia á celebración da Festa dos Maios, unha das citas máis emblemáticas do concello de Poio, na que, ano tras ano, participan un gran número de colectivos e veciños. Iso si, dado o actual contexto, o departamento dirixido por Raquel Rodríguez aposta por unha fórmula novidosa.
A intención pasa por celebrar os Maios en clave dixital, botando man das novas tecnoloxías, para poder ter alcance "entre toda a veciñanza de Poio" e dando cumprimento ás medidas de protección e seguridade que se veñen marcando desde o inicio do estado de alarma para tratar de frear a propagación do Covid-19.
A concelleira de Cultura ten previsto contactar coas agrupacións locais para exporlles os pormenores desta prosposta.
Rodríguez Alonso entende que "as circunstancias nas que nos atopamos obrígannos a buscar outras alternativas, porque a día de hoxe non podemos pensar en organizar unha festa tan multitudinaria como os maios tal e como viña sucedendo de xeito habitual, independentemente de se para entón se mantén o confinamento actual ou non".
Neste sentido, hai que lembrar que o Goberno central anunciou esta pasada fin de semana a súa intención de ampliar o estado de alarma ata o 26 de abril. En todo caso, Raquel Rodríguez sinala que "tampouco queremos prescindir dunha celebración que conta cunha gran tradición na nosa vila, polo que estamos traballando na busca de fórmulas para que, entre todos e todas, poidamos interactuar e dar a coñecer a elaboración dos maios a través das redes sociais e as novas tecnoloxías".
A intención da Concellería de Cultura é dar a coñecer máis detalles sobre esta nova proposta en próximas datas.