Mes do libro e da cultura a través da Deputación online
Por Redacción
Ante a cercanía do Día do Libro, que se celebra o vindeiro 23 de abril, a Deputación Provincial convida á cidadanía a converter abril no mes da cultura, cunha viaxe literaria interactiva arredor do mundo para gozar dos libros e ofrecer alternativas para este tempo de confinamento.
A institución provincial está deseñando un percorrido literario a través de seis grandes obras da literatura universal. Por medio dun mapa virtual farase parada en autores de referencia como Gabriel García Marquéz, Harper Lee ou Mariama Bâ. Tamén, autoras e autores contemporáneos compartirán os seus libros de referencia.
Como destaca a presidenta Carmela Silva, "o mellor da cultura é compartila e son días propicios para aprender coa xenerosidade dos nosos veciños e veciñas e coñecer mellor a provincia de Pontevedra a través das paisaxes que inspiraron durante séculos a autores como Julio Verne, Emilia Pardo Bazán, María Vinyals, Valle-Inclán ou Ramón Cabanillas".
A Deputación de Pontevedra tamén quere brindar recomendacións de lectura para paliar o illamento e apoiar os autores e dar voz aos milleiros de lectores na provincia. Así, para o Día do Libro, a institución lanzará unha etiqueta nas redes sociais corporativas para animar á cidadanía a compartir as mellores citas dos seus libros de cabeceira.
Esta semana celebrouse tamén o Día das Artes e, por este motivo, a Deputación ten colgada na súa web a información sobre o arquitecto galego do Barroco homenaxeado este ano, Domingo Antonio de Andrade, e prevé, para cando remate o confinamento, realizar en colaboración coa Academia Galega das Belas Artes unhas Rutas de Arquitectura.
Amais, no Museo de Pontevedra elaborouse unha programación de visitas virtuais para amenizar a situación de confinamento e ao mesmo tempo promocionar e pór en valor un dos recursos culturais máis importantes de Galicia.
A Deputación tamén reforzou a súa oferta na web de Turismo Rías Baixas (www.turismoriasbaixas.gal) para que desde casa se poida aproveitar este tempo de confinamento para coñecer un pouco mellor as marabillas que se poden atopar nas Rías Baixas. Baixo o nome de "As Rías Baixas en casa", ideouse un divertido xogo online de 30 preguntas co que se pretende que os cidadáns e os viaxeiros poidan comprobar o seus coñecementos sobre este enclave do sur de Galicia.
Relacionadas:
-
Comezan nas redes sociais as actividades programadas pola Deputación polo Día do Libro
Por Redacción |
-
A que fai referencia o 'carallo 29'? Compróbao na páxina web do Arquivo Provincial
Por Redacción |
-
A Deputación perdoa o aluguer de espazos nos seus viveiros ás empresas inactivas
Por Redacción |
-
Un blogue con actividades e rutinas para facer máis levadío o confinamento
Por Redacción |
-
"Viaxa Mañá", campaña da Deputación para atraer turistas despois da corentena
Por Redacción |
-
A quinta edición do coworking de Barro comezará en abril e farase de maneira dixital
Por Redacción |
-
O Museo continúa co concurso para a súa nova imaxe corporativa a pesar da alerta sanitaria
Por Redacción |
-
A Deputación cancela polo coronavirus os eventos "masivos" e recomenda evitar "consultas presenciais"
Por Alejandro Espiño |