O artista Juan Lara imparte un taller que afonda nas posibilidades do fotogravado
Por Redacción
35 estudantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra participaron estes días nas dúas primeiras xornadas do obradoiro "A imaxe transferida", impartido polo artista e responsable da editora Ogami Press, Juan Lara.
O seminario, segundo a información do DUVI, foi organizado polas profesoras Anne Heyvaert e Andrea Costas, en colaboración cos departamentos de Debuxo e Pintura, Decanato e o grupo de investigación dx5 e ten como obxectivo afondar nas posibilidades do fotogravado á hora de trasladar a imaxe fotográfica dixital a procesos de traballo máis tradicionais, como serían as técnicas de gravado e estampado.
As xornadas centráronse nas técnicas de fotogravado sobre ferros, así como na transferencia da imaxe a ferros de cobre ou outros materiais para o seu posterior estampado de forma artesanal. Neste senso, o responsable de Ogami Press buscou amosar como o traballo con imaxes dixitais permite "achegar algo novo, engadir riqueza a técnicas que xa coñecíamos e que se veñen usando desde hai séculos".
Ademais, a actividade completouse coa presentación por parte de Lara de diferentes traballos realizados por artistas novos que toman como base esa "técnica híbrida" entre o dixital e o analóxico.
Outro dos propósitos deste taller, como explica Heyvaert, era coñecer en maior profundidade os "procedementos máis actuais" neste eido, co fin de "optimizar" o uso dos equipamentos cos que a facultade conta no seu taller.
Con todo, o seminario tamén viuse afectado pola suspensión da actividade académica a causa do Covid-19 decretada o día anterior e debía clausurarse na tarde deste venres 13 de marzo.