As mulleres do rural pontevedrés dan a cara polo 8M
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O enlousado da Praza de España foi alfombrado este xoves cunha serie de fotografías impresas a gran tamaño e que teñen como protagonistas ás mulleres do rural pontevedrés.
É unha proposta artística efémera, que leva por título "Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas", e que está impulsada por 7H Cooperativa Cultural en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a Concellería de Igualdade de Pontevedra co gallo do Día da Muller.
Tamén hai fotografías penduradas das fachadas dos edificios da Casa Consistorial, a Casa das Campás e a facultade de Belas Artes.
Segundo explicou a coordinadora da iniciativa, Clara Rodríguez, se trata de visibilizar e reivindicar o esquecido e mesmo desprezado rol que as habitantes das vilas e aldeas tiveron no sostemento do desenvolvemento colectivo ao longo da historia e da cultura galegas.
Esta intervención artística forma parte dun proxecto creado en 2011 polo recoñecido artista francés JR e desenvolvido en máis de 1.801 localizacións de 142 países co propósito de transformar o espazo público a partir da utilización da arte de rúa como unha ferramenta de expresión comunitaria.
A estudante da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Alegría Campos, indicou que dende o pasado mes de outubro, o alumnado do centro efectuou un traballo de recollida de testemuños dun centenar de mulleres de diversas idades e ocupacións da provincia, ás que posteriormente retratou tentando captar a forza das súas historias de vida.