Recrean unha visita de Rosalía de Castro á Deputación con motivo da celebración do 183 aniversario do seu nacemento
Con motivo do 183 aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro, cada 24 de de febreiro celébrase en Galicia o día de Rosalía. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu no Pazo Provincial aos intérpretes que representaban a autora compostelá xunto con Modesto Brocos, o artista que pintou o retrato más coñecido da autora de 'Cantares Gallegos'.
Silva recibiu os dous personaxes na entrada do Pazo Provincial, e acompañounos ata a parte superior onde o cantante Xosé Luís Orjais interpretou unha canción na honra de Rosalía. Na súa intervención, a presidenta recalcou que a pesar dos anos, o pensamento de Rosalía segue vixente, xa que denunciaba temas que hoxe en día están de actualidade como as migracións, manifestando que "aínda hoxe temos que loitar contra esta barbarie". Ademais, Silva salientou o papel de Rosalía como feminista, algo que naquela época deulle á escritora máis dun problema. Plasmaba nos seus escritos a súa repulsa en contra daqueles que só crían que as mulleres valían para facer as tarefas domésticas e vivir á sombra dun home.
Contou Rosalía na súa intervención que escolleu o pintor Modesto Brocos para a realización do seu retrato porque non quería unha pintura que a mostrara como todas esas mulleres lánguidas, sumisas e domesticadas que aparecían nos retratos da época. Brocos pintouna como unha muller forte, cunha posición erguida que nada tiña que ver coa representación das mulleres daquel entonces. Pola súa banda, Brocos asegurou que "non fixen unha imaxe calquera, sabía que estaba a pintar a una auténtica intelectual". Tamén salientou que pretendía pintar a unha igual, sen mostrar unha imaxe edulcorada da poeta.
Rosalía recordou un episodio da súa vida, no que, ao entrar nun círculo de escritores nos que todos eran homes, chegou un que dixo que as mulleres tiñan que dedicarse a repasar os calcetíns dos seus maridos. Indignada coas palabras daquel home, contestoulle "cabaleiro, deixeino escrito no prólogo da miña primeira novela, que escribín con apenas vinte anos: renego absolutamente da vulgar idea de que a muller só deba dedicarse os labores domésticos, e aquela que se queira facer dona do seu propio destino, mereza ser repudiada. Con menos de vinte anos escribíno, e a vostede, con 50, aínda non o entendo".
Para finalizar, recitou un fragmento do poema 'Desde los cuatro puntos cardinales', de su obra 'En las orillas del Sar'.
Tras a intervención de Rosalía e Modesto Brocos, a presidenta da Deputación acompañounos nunha visita guiada ao Pazo, no que a poeta quedou encantada ao ver a tantas mulleres traballando no lugar. "As mulleres imos cambiar o mundo", asegurou.