A figura de Rosalía de Castro paseará pola contorna da Deputación nos actos previstos na súa memoria
Por Redacción
Os departamentos de Lingua e Cultura e o Museo de Pontevedra coordinaron tres días de actividades nas que a Deputación Provincial celebrará o Día de Rosalía.
O venres 21 de febreiro vai levarse a cabo un acto institucional na Deputación, aberto a todo o público que queira asistir, no que actuará o grupo Xardín Desordenado, que interpretará poemas musicados da autora de 'Follas novas'. Neste evento intervirá a presidenta provincial Carmela Silva e a deputada responsable de Lingua María Ortega, ademais da escritora vilagarciá Montse Fajardo, que se encargará de ler o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que foi redactado por Daniel Asorey co título 'Errantes polo mundo andamos'.
Todas as persoas que asistan a este acto ou que se acheguen á Deputación durante ese venres recibirán unha camelia e o libro en lingua galega 'A conversa expansiva', con poemas, entre outros, de Rosa Alice Branco, Miren Agur ou Álvarez Cáccamo.
O domingo 23 ás 12.00 horas, os actos trasládanse ao Sexto edificio do Museo de Pontevedra e na véspera do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro desenvolverase unha sesión de contacontos dedicado a público familiar. O grupo Polo Correo do Vento ofrecerá historias e ilustracións nas que os asistentes poderán interaccionar e mesmo elaborar un debuxo sobre un relato. A entrada é libre ata completar o aforo.
O luns 24, a Deputación organiza un evento no que recrea unha visita da autora de 'Cantares Gallegos' á contorna do Pazo Provincial acompañada por Modesto Brocos, único pintor que a retratou en vida. Será entre as 11.00 e as 12.00 horas, ambas as figuras manterán encontros coas persoas que se acheguen e conversarán sobre poesía. Posteriormente serán recibidos pola presidenta da Deputación percorrendo o edificio. Durante a tarde desa xornada, o paseo realizarase pola Porta do Sol de Vigo.