Musigal 2020 levará a música galega en galego a 58 concellos de Pontevedra
Por Redacción
Un total de 58 concellos da provincia de Pontevedra recibirán este ano concertos da man do programa Musigal 2020, que ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos municipios de menos de 50.000 habitantes e fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística en toda a provincia.
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno as actuacións autorizadas para esta edición. ACeptáronse as actuacións dos 58 concellos solicitantes, polo que o custo total para o ente provincial ascende a 614.045,25 euros.
Este investimento supón unha ampliación en relación cos 600.000 euros que se proxectaran nun primeiro momento. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, explicou que foi preciso aumentar o presuposto en 14.000 euros porque "non podiamos deixar a ningún concello sen actuación". Finalmente, cada concello ten dereito a unha única actuación de grupos profesionais galegos.
O concerto encargado de abrir a programación do Musigal 2020' correrá a cargo de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e terá lugar o 10 de abril no concello das Neves, mentres que a última cita será o 20 de decembro en Portas, con Andrea Pousa.
A maioría das actuacións terán lugar no verán, xa que en xullo hai programados 20 eventos e en agosto, 17. Polo demais, en abril haberá dúas citas e en maio catro. Tanto en xuño como en setembro terán lugar seis concertos e, finalmente, haberá unha actuación en outubro, outra en novembro e a última en decembro.
Entre as 21 formacións musicais que foron solicitadas polos concellos, os grupos que contarán cun maior número de eventos son Óscar Ibáñez & Tribo, Sés e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, posto que estes tres grupos actuarán en cinco concellos diferentes. Todos os grupos que actuarán con 'Musigal 2020' están enmarcados nas seguintes categorías: 'Son Muller', 'Son Crianza', 'Son tradición', 'Son Clásico' e 'Son Actual'.
Relacionadas:
-
Musigal encherá de música as Rías Baixas: Roi Casal en Sanxenxo e 'Son galego, son cubano' no Grove
Por Redacción |
-
Nacho Vegas actuará o 22 de marzo no auditorio municipal de Vilagarcía
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
Preto de 90 grupos formarán parte do programa Musigal 2020
Por Redacción |
-
Os Premios á Xuventude de Pontevedra incluirán por primeira vez a deseñadores de moda
Por Alejandro Espiño |
-
Radio, música e danza van da man na gala 'Musigal na onda'
Por Mónica Patxot & Redacción |