"Un berro de auxilio para non perder unha tradición, a cestaría, que é unha arte"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Enrique Táboas, mestre cesteiro, fillo e neto de cesteiros de Mondariz, é o último do seu oficio traballando con madeira que mantén un taller aberto en Pontevedra. A Deputación inaugurou a exposición de cestos "Tecendo a natureza" que, segundo dixo a presidenta provincial, Carmela Silva, pretende ser "un berro de auxilio para non perder unha tradición, a cestaría, que é unha arte".
Nesta mostra recóllese unha representación de pezas de cestería de madeira rota da súa autoría, coas que se fai un pequeno percorrido por esta artesanía e os seus usos, poñendo en valor ao artesán, mostrando as técnicas empregadas e rememorando a historia dun oficio.
"Tecendo a natureza" é unha exposición accesible, con visitas para persoas cegas na que se poderán tocar os 17 cestos e ler os carteis en braille. Tamén hai 10 fotografías e un vídeo así como unha mesa de traballo con ferramentas e obras en proceso de construción.
A exposición, segundo explicou a súa comisaria Fátima Cobo, pretende espertar o interese das novas xeracións para que este patrimonio non se perda. Xa que, como consumidores e tamén como posibles futuros artesáns, está nas súas mans que este oficio milenario perdure.
Carmela Silva destacou que "Táboas leva nos seus xens algo marabilloso: ou saber facer" e expresou o seu propósito de "loitar por non perder ou noso patrimonio inmaterial, para iso faremos actividades de formación".
Dado o carácter especial dos materiais que se expoñen, que se poden tocar, esta mostra poderana visitar persoas cegas ou con deficiencias visuais de todas as idades, un xesto que aplaudiu o director do centro de recursos educativos, CRE, da ONCE, José Ángel Abraldes.
A colaboración que mantén a Deputación coa ONCE en Pontevedra permite dispoñer de textos en braille e ter en conta consideracións necesarias á hora de preparar o deseño da exposición para proporcionar ás persoas con discapacidade visual unha visita de mellor calidade e máis cómoda.
Neste sentido, a presidenta da Deputación destacou que "este ano aprobamos un orzamento non que todas as nosas accións están encadradas na Axenda 2030: con esta exposición contribuímos a pór fin á pobreza cultural, á agricultura sostible, á educación inclusiva, combater o cambio climático".
Esta mostra poderase visitar no vestíbulo do Pazo provincial desde este xoves e ata 29 febreiro, en horario: de luns a venres de 8 a 20 horas.