Poio vive a súa noite (e tarde) brancas
Por Diego Torrado
Poio viviu este sábado a súa noite branca e, de paso, toda unha tarde. Os impulsores do Summer White Festival organizaron unha festa a partir das 23.00 horas, pero os amantes da música electrónica decidiron adiantar a cita e dende primeira hora da tarde centos de mozos se congregaron nos arredores do recinto da Seca para comezar a celebración.
O Summer White Festival estaba formulado para gozar dunha noite diferente, vestidos de branco, en boa compañía e coa mellor música electrónica a todo volume e como "un dos espectáculos visuais con máis pegada de Europa". Foi, finalmente case un día enteiro de festa no que a festa se desenvolveu non só no recinto preparado para as actuacións, senón por todos os arredores.
A de Poio foi a segunda edición deste festival, tras a que se celebrou o ano pasado en Sanxenxo, e, neste ocasión, segundo os organizadores, deu "un salto de calidade importante en todos os aspectos". En primeiro lugar, no cartel, pois citou no recinto de Poio a grupos que representan dende o estilo máis canalla dos Zombie Kids á vertente máis comercial do DJ Juanjo Martín, Rebekka Brown, Kurd Maverick ou algúns dos DJ máis populares de Galicia como DJ Shanti, Groove Amigos, Playdrum Brothers, Joao Ribeiro e Jose de Ananda.
Para garantir que os grupos puidesen explotar ao máximo o seu espectáculo, actuaron nun escenario mapping 3 D de 30 metros de longo por 15 de alto que usa a mesma tecnoloxía que a que se utiliza na fachada da catedral de Santiago de Compostela nas Festas do Apóstolo.
A música soou acompañada de 500.000 vatios de luz e son, un espectáculo de pirotecnia secuencial e sincronizada e 80 gogós e perfomances e doce aeroacróbatas.