O ano 2020 terá nome propio en Marín: Manuel Torres
Por Redacción
Manuel Torres é un nome propio en Marín, un embaixador da cultura pictórica e escultórica da vila marinense e protagonista do museo local, no que este mércores se presentou o Ano Torres, un 2020 adicado a un dos maiores artistas marinenses para conmemorar o 25 aniversario do seu falecemento.
A alcaldesa, María Ramallo, e o pintor Antón Sobral, acompañados tamén polas concelleiras Itziar Álvarez e Beatriz Rodríguez, foron os encargados de presentar esta iniciativa cultural na que se incluirán diversas actividades relacionadas ca figura de Torres, dirixidas tanto a público infantil e xuvenil como adulto.
"O mes clave será o de maio", informou a alcaldesa, aínda que durante todo o ano haberá citas ineludibles. "Queremos visibilizar a Torres entre a xente de Marín pero tamén fóra", asegurou Ramallo, un esforzo que aplaudiu Sobral na súa intervención: "O máis importante de todo isto é esa vontade política de facer deste museo un ente vivo, no que as coleccións vaian rotando e que poidan incluso saír da vila".
Ramallo e Sobral agradeceron tamén a presenza dos familiares do pintor, tres xeracións que estiveron presentes durante a rolda de prensa. Sobral tamén quixo remarcar que o Ano Torres "suporá un comezo, pero non un final. Cando acabe o ano seguiremos traballando nesta importante labor de difusión".
COLECCIÓN PERMANENTE
Unha das primeiras iniciativas en torno ao Ano Torres será a reorganización da colección permanente que foi doada polo pintor ao museo que leva o seu nome, co obxectivo de "darlle máis visibilidade de cara ao visitante, para que teña unha visión máis xeral de toda a súa obra e as súas técnicas".
O goberno local ten a intención de que a veciñanza coñeza en profundidade cal foi a pegada do artista nas rúas e prazas da vila: a súa casa, a farola da Praza de España, o busto de José Trasande... polo que está a deseñar unha serie de roteiros turísticos pola localidade, de cara á época estival, cuxo percorrido inclúa todos estes puntos de interese.
A visibilidade da historia de Manuel Torres tamén se intensificará ca creación de material de apoio gráfico, como exposicións permanentes nos cubos do exterior no Parque Eguren ou na Alameda ou paneis informativos ca historia do museo e a do artista.
Tamén se pretende involucrar aos centros educativos, as asociacións e outros actores sociais e culturais do municipio.
Finalmente, está pensado que o "Pinta con... ", que consiste na creación dun caderno de debuxo que se distribúe polos centros educativos e que o ano pasado estivo adicado a Ánxeles Iglesias, sexa protagonizado nesta ocasión por Manuel Torres, ca fin de achegar aos máis pequenos a obra deste inolvidable creador.