Pontevedra conmemorará o bicentenario de Concepción Arenal, "a primeira feminista galega"
Por Alejandro Espiño
Durante este ano 2020 cumprirase o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, unha figura histórica de gran talle porque, como recordou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ela foi a "primeira feminista galega".
Con este motivo, o Ateneo de Pontevedra, en colaboración cos departamentos de Patrimonio histórico e Igualdade da institución provincial, organizou unha conferencia sobre Concepción Arenal e o legado que deixou o seu pensamento.
A escritora e profesora Anna Caballé, Premio Nacional de Historia 2019, será a encargada de desmontar os mitos creados arredor da figura da humanista galega cunha conferencia maxistral aberta ao público que se celebrará no Café Moderno o mércores 29 de xaneiro.
Carmela Silva destacou que esta conferencia será o punto de partida a unha serie de actividades que impulsará a Deputación para poñer en valor a figura dunha muller "extraordinaria" da que, segundo destacou, "todas somos herdeiras".
A deputada de Patrimonio e Lingua, María Ortega, destacou a figura de Concepción Arenal polas súas ideas feministas e por ser patrimonio histórico feminino deste país, tendo reflexado as súas ideas de forma escrita cun legado de numerosos escritos e libros sobre os seus pensamentos na defensa das persoas necesitadas e da necesidade de mudar a sociedade.
"Concepción Arenal foi unha muller que viviu nun tempo onde a muller estaba cuestionada e non podía demostrarse no ámbito público e ela loitou contra ese estatus. Fíxose a si mesma, sendo máis reformista que revolucionaria", sinalou a deputada.
A responsable de Patrimonio recordou que a humanista viviu en Pontevedra ao final da súa vida, cando era maior e doente, e chegou a ser unha figura fundamental para que se organizaran ao seu arredor faladoiros de ilustres homes pontevedreses, dando protagonismo así a unha voz feminina.
Ademais, destacou que o Museo de Pontevedra conta cun amplo patrimonio sobre ela (cadros, figuras ou escritos) e incluso en 1996 editou un traballo seu que non fora publicado antes.