A Casa da Cultura de Cuntis acolle a exposición de pintura de Alberto Pereira Dios
Por Redacción
A Casa da Cultura "Roberto Blanco Torres" de Cuntis acollerá este venres a estrea da exposición pictórica do artista vigués, Alberto Pereira Dios.
A mostra abrirá as súas portas ao público nun acto de inauguración que terá lugar ás 19.30 horas e ao que, ademais do autor, asistirán o alcalde, Manuel Campos, e outros membros do Goberno municipal.
A exposición está organizada polo Concello de Cuntis e poderá visitarse na Casa da Cultura ata o venres, día 24 de xaneiro, de 16.00 a 21.00 horas (de luns a venres) e de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 horas o sábado. A entrada é totalmente gratuíta.
A exposición está conformada por unha serie de 10 traballos de estilo realista que permiten observar unha evolución da obra do autor, todos eles protagonizados por diferentes felinos, uns animais polos que o Alberto Pereira garda unha gran paixón. Precisamente, o artista novo deixou de lado a súa afección pola banda deseñada para adentrarse de cheo no mundo da pintura, unha modalidade plástica que lle permite plasmar a súa afección por estas especies.
Manuel Campos aproveitou para convidar a toda a veciñanza de Cuntis e tamén aos turistas a participar na inauguración do venres e a visitar durante toda a semana unha mostra artística para todos os públicos "de gran beleza e atractivo, que impacta polo seu realismo e pola enerxía que transmite e que xa tivo un enorme éxito noutros lugares onde se estreou".