Camelias e mar confluirán coa pintura de Álex Vázquez-Palacios no Museo Manuel Torres
Por Redacción
O Museo Manuel Torres acollerá os días 8 e 9 de febreiro a nova edición da Mostra Camelias e Mar, que se desenvolve por terceiro ano consecutivo. Este mércores as concelleiras Itziar Álvarez e Beatriz Rodríguez presentaban esta exposición coas organizadoras Cristina Barreiro e Mara Fariña, integrantes da Sociedade Española da Camelia e da International Camelia Society. O pintor Álex Vázquez-Palacios tamén formará parte desta mostra con algúns dos seus cadros nos que as camelias son protagonistas.
A exposición comezará ás 09.00 horas do sábado 8 de febreiro coa recepción das diferentes variedades de camelias, que se instalarán en máis de 40 expositores. A inauguración oficial está prevista ás 13.00 horas e durante toda a fin de semana ata as 20.00 horas poderanse ver estas flores no museo marinense.
As obras de Álex Vázquez-Palacios realizáronse orixinalmente para a Exposición Universal da Camelia en Pontevedra do ano 2014 cunha ilustración converteuse en imaxe oficial deste evento.
Tamén o coleccionista Manuel Doval ofrecerá coleccións de selos conmemorativos sobre as camelias. Trátase dunha oportunidade case única de apreciar estas pezas nunha mostra.
A organización obsequiará a cada persoa que participe como expositora nesta mostra cunha botella de aceite de camelia e co libro 'Marín en verde. Percorrendo os espazos naturais do Concello'.
As reservas para instalar un posto na exposición pódense realizar nos teléfonos 605.792.136 ou ao 663.091.852 ofrecendo os datos sobre metros necesarios para reservar. Para máis información pódese contactar co Museo no 986.891.186 ou a través do correo electrónico cosasabuelacris@hotmail.com