Presentan sete traballos ao décimo certame de relatos de muller Matilde Bares
Por Redacción
O Centro de Información á Muller de Bueu xa ten nas súas mans os sete traballos presentados á décima edición do certame de relatos de muller Matilde Bares.
Este premio pretende fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia de xénero.
Estes traballos serán valorados nas vindeiras semanas por un xurado que valorará aspectos como a orixinalidade no tratamento do tema, a reinterpretación dos roles sexistas e os estereotipos que afectan á imaxe da muller nas diversas manifestacións artísticas, os micromachismos ou a igualdade laboral.
A persoa gañadora, que se dará a coñecer ao longo do mes de febreiro, farase cun premio de 1.500 euros e a publicación do libro.
O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro.
Desde os seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces.
Na pasada edición resultou premiada a viguesa María López Correa, co seu relato As fillas da Manola, no que realza a importancia da creación dunha rede de apoio entre mulleres.