Os 'grandes do góspel' soarán en concerto en Pontevedra
Por Redacción
O auditorio de Afundación en Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 14 de decembro un concerto que traerá á cidade a mellor tradición da música góspel. Trátase do espectáculo Grandes do Góspel - Spirit of New Orleans Gospel Choir.
Está protagonizado por unha agrupación que rende homenaxe á cidade de Nova Orleans. Nela fúndense beleza, sentimento e diversión.
Trátase dunha formación vinculada ao 9th Ward, o barrio máis castigado polo furacán Katrina, que presenta en Europa a súa xira When the Saints Go Marchin'In, un tributo á cidade do jazz, do góspel e fogar do rock e de grandes estrelas do século XX como Louis Armstrong, Mahalia Jackson ou Fats Domino.
When the Saints Go Marchin'In é unha mostra vibrante da tradición musical da cidade, unha viaxe de ida e volta desde as orixes en Congo Square ao presente dos desfiles con ritmos de hip hop e citas especiais para as melodías que se tararearon en todo o mundo.
As entradas para este concerto están á venda a través da plataforma Ataquilla.com.