A Real Academia Galega celebra os 70 anos da aventura da colección Benito Soto
Por Redacción
Baixo o nome do pirata da Moureira, Benito Soto, saía á luz en 1949 a primeira colección de poesía que recollía versos en galego tras a guerra civil. Tratábase de 15 poemarios que saían á luz a través de Gráficas Torres grazas ao entusiasmo do fillo do propietario, Sabino Torres e aos seus colegas Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás.
Entre os títulos que a integran atópanse autores de relevancia para a literatura galega, segundo indicaba Víctor Freixanes no acto que se celebraba este venres no Sexto Edificio do Museo organizado pola Real Academia Galega, en colaboración coa Deputación de pontevedra, coa que se conmemoran os 70 anos do comezo daquela aventura.
Familiares de Xosé María Álvarez Blázquez, Celso Emilio Ferreiro, Manuel Cuña Novás e Manuel Fabeiro, Eva Mejuto, Antón Sobral, Xaime Toxo ou os académicos Xosé Luís Franco Grande e Marilar Aleixandre encargáronse de dar voz aos versos. O programa estivo conducido pola académica Fina Casalderrey coa interpretación musical de poemas a cargo de Ánxeles Ruibal, filla doutro dos poetas da colección Benito Soto, José Ruibal.
Durante o evento, o académico Xesús Alonso Montero analizou a historia da colección Benito Soto e a súa importancia para a lingua e a poesía galega; a investigadora Ana Acuña explicaba a relación entre a colección e outros proxectos poéticos promovidos por Sabino torres como Olga, a revista de poesía galega en Madrid e a colección Hipocampo Amigo. Por último, a investigadora Patricia Arias revisou a influencia de Aquilino Iglesias no xiro da colección Benito Soto cara a lingua galega.
Ao acto asistía, entre outras autoridades, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.