Nunatak traerá as súas 'flores salvajes' á Sala Karma de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A xira de presentación do cuarto disco de Nunatak fará parada en Pontevedra. A banda de Cartaxena actuará en directo o vindeiro venres 29 de novembro, a partir das 21.30 horas, na Sala Karma.
Este traballo discográfico, que leva o título de Nunatak y las flores salvajes, está composto por dez temas con melodías coloridas, vigorosas e contaxiosas que, desde que saíron ao mercado, cultivaron grandes críticas e eloxios por parte do público.
O quinteto, que para este disco volveu a recorrer ao seu produtor de confianza, o murciano Raúl de Lara, asina un disco no que o seu rock indie mostra unha evolución en actitude e poderío.
Nunatak y las flores salvajes chega despois de Nunatak y las luces del bosque (2014), Nunatak y el pulso infinito (2016) e Nunatak y el tiempo de los valientes (2018), traballos destes cinco músicos que, con moita valentía e talento, fixéronse un oco na escena musical nacional pola sinceridade das súas letras, a súa delicadeza e a súa capacidade para conmover.
As entradas para este concerto teñen un prezo de 13 euros por anticipado e de 18 no despacho de billetes.