O Summer White Festival cambia Sanxenxo por Poio e estima xuntar 15.000 amantes da música electrónica
Por Alejandro Espiño
Nove DJ's de prestixio internacional, un escenario de 30 metros de longo por 15 de alto, 500.000 vatios de luz e son, 80 gogós e perfomances e un espectáculo de pirotecnia. Son só algúns dos números do Summer White Festival, segundo os seus responsables, "un dos maiores espectáculos visual-dance de Europa". Na súa segunda edición cambia Sanxenxo por Poio co obxectivo de reunir a 15.000 amantes da música electrónica.
Será o próximo 20 de xullo no recinto da Seca, denominado polos seus promotores como a Bahía de Tambo. Alí prometen celebrar este macroespectáculo musical "probablemente o mellor festival de música electrónica realizado en Galicia ata agora", superando con creces a pasada edición, celebrada en Sanxenxo. Tanto que sinalan ata que "de feito, en España, o mesmo nivel só se alcanza en Ibiza".
O principal atractivo será a presenza da catalá Rebeka Brown, considerada por moitos como a raíña do 'house' español e unha das artistas máis recoñecidas do momento. Actualmente protagoniza un show Discodramah co que conmemora o seu décimo aniversario sobre os escenarios. Xunto a ela, o Summer White Festival contará con outras oito actuacións, entre elas algúns dos DJ's internacionais máis populares.
Esta oferta musical, que comezará ás 20.00 horas, complétase coas sesións que ofrecerán os DJ's Kurd Maverick, Zombie Kids, Juanjo Martín, DJ Shanti, Groove Amigos, Playdrum Brothers, Joao Ribeiro e Jose de Ananda.
Todos eles gozarán dun escenario mapping 3D de 30 metros de longo por 15 de alto, que segundo os organizadores do festival, usa a mesma tecnoloxía que a que se utiliza na fachada da catedral de Santiago de Compostela nas Festas do Apóstolo. A súa música soará acompañada de 500.000 vatios de luz e son, un show de pirotecnia secuencial e sincronizada e 80 gogós e perfomances e doce aeroacróbatas. Estes últimos chegan da man da compañía de Pablo Méndez.
De cara o festival, que contará ademais cunha zona VIP a catro metros de altura e unha zona de acampada gratuita, os seus responsables habilitaron catro liñas de autobús para evitar que moitos boten man de coches particulares para achegarse ata Poio. O billete ida e volta custará tres euros e sairán cada media hora, desde as 19.00 horas, de Pontevedra, O Grove, Sanxenxo e Portonovo. Os regresos, a partir das 5.30 da madrugada.
O Summer White Festival, cuxa entrada ten un prezo de 23 euros por persoa, aumentará a súa promoción nos próximos días. Será cun autobús descaptotable, cheo de DJ's e percusionistas, que percorrerá desde este venres as principais zonas de praia e lecer das Rías Baixas. Todo para lograr chegar a ese obxectivo marcado desas 15.000 persoas. E a ser posible, vestidos de branco. Para todos eles, sen dúbida, este festival será unha experiencia irrepetible.