"16 de decembro" e "Uganda", Áncora de Ouro e Áncora de Prata no Curtas Armadiña 2019
Por Redacción
No serán deste domingo 17 de novembro celebrouse a Gala Curtas Armadiña 2019 no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, onde se entregaron os galardóns da quinta edición do certame audiovisual Curtas Armadiña, organizado pola ACDeM Armadiña.
A gala, á que asistiron preto de 150 persoas, estivo dirixida pola actriz Isabel Risco. Velaquí a listaxe das pezas gañadoras:
- Premio Crea á Mellor Dirección: Limbo, de Daniel Viqueira
- Áncora ao Mellor Vídeo Musical: De bruma e salitre, da banda Mileth, dirixido por Xaime Miranda
- Áncora á Mellor Curtametraxe Animada: Homomaquia, de David Fidalgo Omil
- Premio Curtas Armadiña 2019: Sonia Méndez
- Áncora de Prata á Mellor Curtametraxe (Premio do Público): Uganda, de Fernando Tato
- Áncora de Ouro á Mellor Curtametraxe: 16 de decembro, de Álvaro Gago
Alén dos premios monetarios, as persoas gañadoras recibiron uns trofeos en forma de áncoras deseñadas por Cavalinho do demo (Paula Pereira).
Desde a organización do Curtas Armadiña, que puxo o foco nesta quinta edición na creación galega e que ofreceu novas ubicacións (principalmente o Fogar Armadiña, en Combarro), valoran moi positivamente a participación no certame en todas as súas actividades.
O evento recibiu subvención por parte da Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio e contou coa colaboración de CREA, cervexas Meiga e Amásame Bakery Lab.