A exposición 'Inventio mundi' percorre a Galicia navegante dos séculos XV-XVII
Por Redacción
O Museo de Pontevedra abriu este martes a mostra ''Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas Séculos XV-XVII'', producida polo Consello da Cultura Galega baixo o comisariado de Ofelia Rey Castelao, Nela, faise un percorrido pola Galicia navegante e se conmemora o quinto centenario da saída da expedición Magalhães-Elcano, que completaría a primeira circunnavegación do planeta.
A mostra, que estará no Edificio Sarmiento ata o vindeiro 14 de xaneiro, itinerará logo por outras cidades. Ten un dobre obxectivo segundo a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez: ''traer á memoria unha parte importante da historia de Galicia e homenaxear aos esforzados navegantes galegos que abriron os camiños do mar, atopasen ou non gloria na empresa''.
O director do Museo, José Manuel Rey, pola súa banda, afirmou na inauguración que ''non resulta accidental'' que sexa Pontevedra o lugar de inicio da mostra xa que ''poucas cidades como ela terán un pasado tan estreitamente vinculado co mar e darían á historia tantos navegantes; e poucos museos terán aos mariños e navegantes tan presentes entre as súas coleccións''.
Rey explicou que durante boa parte do abano temporal que cubre a exposición, Pontevedra vive a súa idade dourada e se converte na cidade máis puxante e dinámica de Galicia.
Ilustres mariñeiros como Juan Rodal, os irmáns Bartolomé e Gonzalo García de Nodal, a relevancia do Gremio de Mareantes ou as narracións de García de la Riega protagonizan esta exposición, na que se amosa que na literatura galega medieval o Atlántico é o Mar Maior, cantado por Paio Gómez Chariño; e fálase da historia do Colón pontevedrés ou de que Fernando de Magalhães naceu na aldea de Magaláns.
Unha trintena de paneis repasan a historia da navegación galega que arranca no interese comercial coas Illas Molucas, un arquipélago indonesio, e finaliza no século XVII cando cambian as formas de navegación.
Ademais, a exposición repasa como esta historia da navegación en Galicia foi reflectida a través do imaxinario popular que recolleron grandes autores e investigadores da literatura galega ao longo dos tempos.
"Inventio mundi", entre outros, recupera a historia de grandes navegantes como Sebastián de Ocampo, que demostrou o carácter insular de Cuba; Fernando de Andrade, responsable de varias viaxes oceánicas de Galicia; Gómez Pérez das Mariñas, que navegou polo Pacífico ou Pedro Sarmiento de Gamboa, clave para entender a cartografía da época.
Ofelia Rey, comisaria da exposición, recoñeceu que montar esta mostra "non foi fácil" xa que abarca unha parte da historia de Galicia "que se descoñece" porque permaneceu "practicamente invisibilizada" e apenas hai documentos e materiais da época.