A Filarmónica trae a Pontevedra ao pianista ucraniano Dmytro Choni
Por Redacción
Un repertorio composto por obras de Brahms, Schumann, Liszt e Rachmaninov. É o que ofrecerá en Pontevedra o pianista ucraíno Dmytro Choni, gañador do Primeiro Premio do XIX Concurso Internacional de Piano de Santander 2018.
O concerto terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Principal este xoves 14 de novembro e está organizado pola Sociedad Filarmónica de Pontevedra.
Nacido en Kiev en 1993, Dmytro Choni é unha das promesas máis relevantes da súa xeración. O seu talento foi recoñecido noutros concursos internacionais de piano, como o Ferruccio Busoni de Italia, o Concurso en Memoria de Vladimir Horowitz en Ucraína e o de Suzhou de China.
Recibiu tamén os primeiros premios nos concursos de Los Ángeles, ZF- Musikpreis (Alemaña), Roma e Ciudad de San Sebastián e ademais foi recoñecido co prestixioso Premio Arturo Benedetti Michelangeli outorgado pola Academia de Piano Eppan.
Como solista, Dmytro Choni actuou con varias orquestras sinfónicas, como a da República de San Mariño, as de RTVE e do Vallès en España, a Nacional de Ucraína e a de Suzhou en China.