'Trono de Sangre', de Akira Kurosawa: un Macbeth xaponés este martes no Cineclube
Por Enrique Morales
Os martes son o día escollido polo Cineclube de Pontevedra para a proxección das obras do cineasta xaponés Akira Kurosawa, ao que, xunto coa figura do iraní Jafar Panahi, está dedicada a programación de novembro.
Nesta ocasión a cinta escollida será 'Trono de Sangre'. O pase seguirá o horario e lugar habituais, comezando ás 20.30 deste martes 12 no Teatro Principal cunha entrada de dous euros. A cinta proxectarase en versión orixinal en xaponés con subtítulos.
En 'Trono de Sangre' Akira Kurosawa realiza unha adaptación de Macbeth, a obra clásica de William Shakespeare, trocando a acción da ideade media escocesa á época das guerras civís no xapón feudal.
Trátase dun filme profundamente influcenciado pola estética do noh, unha forma de folklore teatral xaponés que combina música e drama. O transvasamento entre a obra orixinal shakesperiana e a realización de Kurosawa funciona porque demostra que, maís aló das limitacións xeográficas, a ambición e corrupción que causa o poder son unha constante universal da condición humana.
Ficha
Título: 'Trono de Sangre' (Kumonosu-jō)
Director: Akira Kurosawa
Ano: 1957
País: Xapón
Duración: 110 min.
Idioma: Xaponés