O escritor Adolfo Caamaño presenta 'Matar o heroe' no Museo de Pontevedra
Por Redacción
Este venres ás 20.00 horas, o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá a presentación de 'Matar o heroe', unha obra do escritor Adolfo Caamaño coa que gañaba o Premio Vilar Ponte de Novela 2018.
Este acto organizado polo Museo e promovido polo Ateneo de Pontevedra contará coa presenza do autor, natural de Perdecanai (Barro), ademais de José Manuel Rey, director do Museo; o escritor Xosé Monteagudo e o director de Edicións de Galaxia, Carlos Lema.
Está previsto que durante o acto interveña a agrupación Belle Époque, formada por catro intérpretes. Ademais, ao remate da presentación vai servirse un viño no restaurante Meigas Fóra, na praza da Estrela.
A obra conta a historia de Charles Bonne-Mort en París despois da Guerra Mundial, no argumento mestúrase o realismo extremo con situacións absurdas con referencias a autores como Alfred Jarry e Émile Zola.
Adolfo Caamaño gañou ao longo da súa carreira, entre outros premios, o Concello do Valadouro de Novela Curta con 'Un vulto sospeitoso' (2007), o Manuel Murguía de Narrativa Breve por 'A gueixa no bosque de bambú' (2014) e o Modesto R. Figueiredo con 'Pinbal do Pombal' (2015)