O Teatro Principal será escenario da gala de Cantos de Taberna o día 8
Por Manu Otero
A cuarta edición da gala de Cantos de Taberna celebrarase este venres, 8 de decembro, ás 21 horas no Teatro Principal. "Somos un país que cantamos moito, arredor dunha mesa e dunha cunca de viño, en vodas, bautizos, velorios...", sinalou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, na presentación do evento deste mércores no Concello de Pontevedra.
A organización deste acontecemento corre a cargo de Maravallada, que este ano traerán a Pontevedra ao grupo Os do fondo da barra, que poñerán a nota musical dunha gala que durará ao redor de noventa minutos e que continuará despois nos locais Americano da rúa Riestra e na Adega dúas Avós de Gutiérrez Mellado.
Como é habitual, cada ano o grupo Maravallada homenaxea a colectivos, institucions ou persoas que promoven a música popular. O local A de Lupe, en cambados, será recoñecido esta vez pola súa capacidade para reunir a diario entre as súas paredes aos veciños para dar renda solta á súa vocación musical. Os organizadores entregaranlle unha pintura do arquitecto retornado de Beade, Miguel Valiñas, que pintou murais por varios países de Europa.
O encargado de conducir a gala é Luís Caruncho.