Os "Infelices" de Javier Peña preséntanse con éxito ante o público pontevedrés
Por Redacción & Cristina Saiz
O debut literario de Javier Peña, un dos libros máis interesantes editados este outono, chegou a Pontevedra. A librería Cronopios acolleu a presentación da novela Infelices, unha historia sobre o fracaso e a tiranía das expectativas.
Editado por Blackie Books, Infelices reúne varios personaxes que non atravesan o mellor momento das súas vidas: un asesor político en decadencia, unha nai incapaz de comprender á súa filla, un escritor obsesivo, unha muller que insiste en buscarlle o lado bo á quimioterapia ou un xornalista que se pregunta se perdeu o amor da súa vida.
Todos eles coñecéronse na universidade, cando aínda facían grandes plans. A vida separounos e desde entón todo foi de mal a peor. Unha reunión, despois de todos estes anos, podería ser o que salve a estes infelices de selo para sempre.
O público que abarrotou a librería, ademais de levar un exemplar asinado da novela, puido coñecer en palabras do escritor, entre outras cuestións, que supuxo para el escribir este libro, por que decidiu ambientala á Compostela de finais dos 90 ou que lle animou a escribir este retrato xeracional.
Javier Peña, nacido na Coruña en 1979, hai máis de vinte anos que vive en Santiago de Compostela, onde mudouse para estudar xornalismo. En plena celebración do Xacobeo 2010 aceptou unha oferta para unirse ao gabinete da Consellería de Cultura da Xunta e, dous anos despois, foi recolocado noutro departamento do goberno galego.
Alí comezou a escritura de Infelices, unha novela que, segundo o mesmo recoñece, axudoulle a enfrontarse ás súas propias frustracións. Ao terminala decidiu abandonar o seu posto na Xunta. Desde entón escribe novelas, codirixiu a web cultural Inorantes da que foi fundador, colabora en diversas revistas e publicacións e imparte obradoiros de escritura creativa.