'Fronteras, exilios y resistencia', temática do XV Brumario Poético da Fundación Cuña-Casasbellas
Por Redacción
Este ano conmemórase o décimo quinto aniversario da creación do Brumario Poético, organizado pola Fundación Cuña-Casasbellas e Fabulario Novo-Hipofanías.
Nesta ocasión, esta cita cultural emprega o título 'Fronteras, exilios y resistencia' para agrupar diversos temas relacionados coa creatividade artística e a sociedade durante as últimas décadas.
Todos os actos van desenvolverse no Teatro Principal de Pontevedra, a partir das 20.15 horas. O programa arrincará o martes 29 de outubro cunha 'Homenaxe a César Vallejo (1892 – 1938)'. Recital poético musical. Recitación: Laura Aznar, Borja C. Dicha, Ana Corzo, Sagrario de Paz. Música: Herman Mayr (instrumental e voz), Néstor Blanco (instrumental e voz).
Ao día seguinte, mércores 30, a actividade centrarase sobre a figura e a obra literaria de Manuel Ruibal. Recital e presentación da antoloxía 'Poesías, contos, aforismos' de Manuel Ruibal, editada pola Fundación Cuña-Casasbellas. Recitación: Ana Corzo, Miguel A. Cuña, Moshelem Mojo e José Tizado; Música: Carmen Gallego (violín) e Maurizio Polsinelli (piano).
Os actos continuarán o 18 de novembro con 'El vientre de Moloch. Homenaje a Jorge Cuña Casasbellas'. Recital poético musical. Presentación CD 'Moloch' e reedición do poemario homónimo de Jorge Cuña. Grupo Moloch: Laura García (guitarra e voz), Violeta Mosquera (batería) e Andrés Martínez (teclados e voz).
O 19 de novembro celebrarase unha homenaxe á poeta Julia de Burgos cun recital poético musical e a intervención de Ana Corzo, Isabel García Uría e Amor Herrera.
O 20 de novembro, a actividade realizarase ao redor da Gran Muralla e aos 20 séculos de poesía chinesa. O protagonismo correrá a cargo do grupo de teatro 'Degaro', formado na Fundación Cuña- Casasbellas este mesmo ano. Ana Corzo dirixe a un elenco formado por seis intérpretes, que representará textos de Miguel Ángel Cuña.
Para finalizar este XV Brumario Poético desenvolverase o 21 de novembro unha homenaxe a Manuel Cuña Novás, cunha actuación musical e a presentación do disco 'Voz de Lúa', de Sergio Ariel, que interpreta cancións con letra de Cuña Novás.