Lorca en Pontevedra, unha pegada cada vez máis profunda
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Os escolares do colexio Álvarez Limeses de Pontevedra levaron este martes para a aula (e para a casa despois) unha auténtica xoia artística nun só folio. Dun lado, os Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Do outro, unha caricatura do poeta e dramaturgo durante a representación que o seu grupo de teatro universitario, La Barraca, fixo na praza da Ferrería no ano 1932.
A autoría dos poemas corresponde ao poeta granadino. A da caricatura, aos propios estudantes pontevedreses, 48 alumnos de cuarto curso de primaria que participaron nun obradoiro realizado por Polo Correo do Vento no Sexto Edificio do Museo dentro da programación organizada durante toda a semana na cidade do Lérez con motivo do Día de Lorca en Galicia.
Carlos Taboada e Enrique Mauricio, de Polo Correo do Vento, guiaron aos escolares tras os pasos de García Lorca. Nada máis recibilos, mentres Taboada debuxaba un mural sobre o poeta, Mauricio achegounos a algúns dos datos máis simpáticos da súa biografía, facendo incidencia nas catro veces que estivo en Galicia e as dúas que visitou Pontevedra e na conexión especial que tivo con esta terra, que o levou a escribir en galego e a referirse a si mesmo como "poeta galego".
O mesmo periplo que este martes fixeron os escolares do Álvarez Limeses farano durante o resto da semana alumnos doutros cinco colexios pontevedreses, Campolongo, Vidal Portela, A Xunqueira 1 e 2 e Parada-Campañó. Todos eles terán oportunidade de coñecer como foi ese paso de Lorca pola cidade e como "chega aquí e namórase da choiva", un dato que se percibe nos seus poemas escritos en galego, unha lingua que escoitou por primeira vez no tren en Redondela e que xa non esquecerá.
As anécdotas que lles contaron Carlos Taboada e Enrique Mauricio calaron nos escolares. "Veu de visita e gustoulle. Non sabía galego e cando o escoitou, encantoulle", lembra Thiago. A súa compañeira Carolina quedouse con que "veu de visita a Pontevedra e gustoulle moito" e tamén con que "sabía facer poemas e debuxos e tocar o piano". A ambos os dous, a parte da visita que máis lles gustou foi o momento no que debuxaron a caricatura de Lorca que levarán para a casa.
Emocionados estiveron tamén durante o resto da actividade, na que coñeceron que Lorca estivo en Pontevedra por primeira vez en agosto de 1932 con motivo da actuación de La Barraca e despois volveu en novembro do mesmo ano, xa namorado desta terra, para dar unha conferencia no antigo Cine Coliseum, convidado polo recentemente constituído Comité de Cooperación Intelectual da cidade.
Nesa segunda visita estivo tres días e hai documentadas anécdotas como a súa visita ás instalacións da revista Cristal. A pesar de que aos seus responsables lles daba vergoña amosar o seu local, "el díxolles: tranquilos, que cando empecei eu en Granada tiña un cuarto aínda máis noxento ca este".
A relación de Lorca con Pontevedra "dá para moitísimo", en especial todos seus vínculos coa intelectualidade da época, e esta actividade cos máis pequenos dá pé aos membros de Polo Correo do Vento para falar de Cristal, de autores como Xoán Vidal, da súa relación con Filgueira Valverde cando o acompañou na visita ao Museo, de cando se puxo ao piano no Café Moderno e interpretou cancións xitanas para os seus novos amigos. Pasaron 87 anos daquelas dúas visitas e Lorca segue a deixar pegada na cidade, neste caso, nos escolares.
A programación de 'Pontevedra, cidade lorquiana' no Sexto Edificio do Museo, organizada con motivo do Día de Lorca en Galicia, seguirá toda a semana. Ademais destas actividades para nenos, este xoves 24, ás 19.30 horas, o editor Henrique Alvarellos, acompañado polo xornalista Ramón Rozas, ofrecerán a conferencia 'Viaxe a García Lorca, poeta galego'. Durante a charla, proxectarase no Sexto Edificio un breve documental moi descoñecido da xira que a compañía La Barraca realizou por Galicia e Asturias en agosto de 1932.
O sábado haberá un contacontos ilustrado para o público infantil en torno a Seis poemas galegos ás 12.00 horas e ás 13.00 horas comezará a ruta guiada por Enrique Mauricio e Carlos Taboada 'Pontevedra, cidade lorquiana', que partirá do Sexto Edificio e transcorrerá polo edificio Castro Monteagudo do Museo, a praza da Ferrería, a rúa García Camba e as prazas de Galicia e San Xosé.
Relacionadas:
-
O Museo de Pontevedra organiza unha "semana lorquiana" para divulgar a relación de Lorca con Galicia
Por Redacción |
-
Pontevedra reivindica ser 'cidade lorquiana' e visibiliza a pegada que Lorca deixou nas súas visitas
Por Alejandro Espiño |
-
As dúas visitas de Lorca a Pontevedra, protagonistas desta semana no Museo
Por Redacción |