Os catro Novos Valores 2018 expoñen as súas creacións artísticas no Museo
Por Redacción
Os catro artistas gañadores do certame Novos Valores 2018, que impulsa a Deputación de Pontevedra, son os protagonistas da exposición homónima que se poderá visitar no Sexto Edificio do Museo ata o próximo 17 de novembro.
Trátase de Natalia Umpiérrez, Noela Covelo, Branca Nieves Lourés e Lois Búa, que presentaron este xoves os proxectos que realizaron ao abeiro destas bolsas de creación artística.
Xunto a eles estivo a directora de xestión do Museo de Pontevedra, Sonia Mateos, quen lembrou que "hai un ano que partiron de aquí coa súa bolsa debaixo do brazo para iniciar unha viaxe creativa que culmina con esta exposición", e subliñou a vocación histórica da institución de axudar aos artistas noveis.
O xurado de Novos Valores acordara no seu momento premiar a escultura O merecido, de Natalia Umpiérrez (Pontevedra, 1982), outorgándolle á súa autora unha das bolsas de 7.500 euros coa que a artista tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a riqueza de matices da cultura de México.
Precisamente, da súa estancia nese país xurdiu a instalación Milagriños, que forma parte desta mostra e que se compón dunha serie de candelabros artesanais dispostos sobre peañas da súa mesma cor e velas elaboradas na histórica Cerería Jesús da Cidade de México, dando como resultado unha serie de pezas de aparencia continua.
Completa a instalación un vídeo que amosa, dentro dunha escenografía a modo de bodegón, unha tradicional vela escamada mexicana consumíndose a tempo real ao longo dun día.
Pola súa banda, a perfomance audiovisual My statement fixo merecedora a Noela Covelo Velasco (Pontevedra, 1994) dunha das bolsas Novos Valores 2018, que lle permitiu producir a obra A plañidera e outros contos, unha instalación formada por varias pezas que parte dunha investigación sobre o folclore do futuro e a súa oralidade.
Inclúe unha cruz de Brighid, unha cabina electoral, un carro de transporte e unha pamela, elementos que, segundo a artista, "son aparentemente inconexos e que parten de temáticas distintas, pero que se sosteñen ou eu relaciono co folclore ou co popular", e que na instalación se combinan a través da parte sonora.
Outra das galardoadas foi Branca Nieves Lourés Miranda (Vigo, 1994) pola súa obra pictórica Tenrura. Agora presenta na mostra os dous proxectos que realizou ao amparo da bolsa.
O primeiro, titulado Vitral, consiste nunha instalación de varios panos pintados e entretecidos, que están colgados de tal forma que se establecen relacións entre eles, o espazo que os rodea e a luz que os ilumina, lembrando o xogo de cor e luz das vidreiras nas catedrais.
Doutro lado, Familia constitúe a súa segunda proposta e trátase dunha rede realizada en fío de cobre trenzado a man na que se insire unha serie de pequenas esculturas de árbores realizadas no mesmo material, "xogando coa idea de rede, de conexión entre formas de vida, do que subxace nas nosas raíces", sinalou a autora.
Por último, tras recibir o premio pola súa videocreación Synth-Bios -sobreinformación-, Lois Búa Sambad (Muxía, 1996) presenta agora Zona de vigilância, unha reflexión sobre a tecnoloxía na que fai unha analoxía entre os serafíns e os drons, invitando o espectador a cuestionarse "que é Deus na actualidade e cales son os seus intereses".