Músicas xacobeas, a cargo do Coro Vox Stellae, abren a tempada da Sociedad Filarmónica
Por Redacción
Este mércores 16, o Teatro Principal acolle ás 20.30 horas o primeiro concerto desta nova tempada da Sociedad Filarmónica de Pontevedra. A actuación correrá a cargo do Coro Vox Stellae, baixo a dirección de Luís Martínez.
O Coro Vox Stellae nacía en 2003 a partir dunha conferencia do musicólogo José López Calo sobre a música na Catedral de Santiago. Este colectivo caracterízase por difundir a música galega, desde a que se atopa nos arquivos das catedrais ata as relacionadas coa creación contemporánea e a música popular.
Vox Stellae colabora con numerosas agrupacións e solistas e, dentro do seu proxecto de recuperación do patrimonio musical da Catedral de Tui, editou dous discos con música de Matías García Benayas e outros autores do arquivo tudense: Defensor alme Hispaniae (2013), que recibiu o Melómano de Ouro en 2015, e Salvete Flores (2016).
O Coro formado por trece cantores ofrecerá un programa con músicas xacobeas e con instrumentos guitarra barroca, corneto, percusión e zanfona.