O violinista Casey Driessen imparte unha clase maxistral e un concerto en Xustáns
Por Redacción
O violinista e cantante estadounidense de bluegrass, Casey Driessen, actuará en Xustáns, en Ponte Caldelas, este venres. Está previsto que esta tarde ofreza unha clase maxistral para violinistas de nivel medio e avanzado e pola noite, a partir das 21 horas, terá lugar unha cea concerto aberta ao público con Driessen ao violín, Xosé Liz ao Bouzouki e Hugo Franco á guitarra.
Driessen foi director dunha das agrupacións de música popular máis presitigiosas do mundo, a da universidade de Berklee de Boston; e un dos referentes a nivel mundial da técnica do chop, unha técnica percutiva mediante o uso do arco do violín e da cal acaba de editar o primeiro manual de escritura xunto a Oriol Saña.
Xosé Liz, é un dos músicos máis completos e activos do panorama musical galego e Hugo Franco é cofundador do grupo DADGA e colaborador en diversos camapamentos internacionais de ensino de música tradicional.
A organización do evento corre a cargo de Galicia Fiddle, unha asociación viguesa que traballa para a difusión do fiddle, o violín folk, na música tradicional galega.