Iñaki Fernández, Carlos Galbán e Luís Jiménez tiñan trece, catorce, anos cando o festival de fin de curso do Instituto Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa sóubolles a pouco e decidiron formar unha banda de rock and roll. O trío pasou a ser cuarteto coa incorporación de Manuel Esperón e ata a actualidade aínda houbo un cambio máis; Sergio di Natale substituíu a Luís na batería.
Eles catro, a menos dun ano da maioría de idade, seguen sendo TNT Band e desde o verán de 2018 'Parte colectivo' o seu primeiro CD editado. Nas Conversas na Ferrería lembran como foi a progresión do grupo e o seu apego a un estilo musical que nunca se foi a pesar da competencia doutros ritmos máis afíns a súa xeración. Por certo, TNT polo tema de ACDC e polo símbolo do trinitrotolueno (aínda que a súa locución resístase neste podcast de PontevedraViva Radio).
Advirten que as súas letras teñen que dicir algo, transmitir unha mensaxe e desas mensaxes chequeamos as súas opinións. Estudan segundo curso de Bacharelato e para o próximo tocará empezar nova etapa; Luís quere facer Grao Superior no Conservatorio e Maxisterio; Manuel, Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma mentres que Sergio mira cara á Fisioterapia. Iso si, ningún quere abandonar a música.
Aínda que tempo non lles sobra, a súa primeira necesidade é un espazo onde ensaiar. Quizá en 2020 poida chegar a edición dun segundo traballo. Polo momento teñen pechadas actuacións ata xaneiro, cando tamén estarán nesta capital.