Contos, maxia, teatro, música e mesmo un obradoiro de ioga para bebés despiden o Festival das Núbebes
Por Redacción & Diego Torrado
O Festival das Núbebes despediuse ao grande. Decenas de bebés pontevedreses, acompañados polas súas familias, tiveron os seus primeiros contactos coas artes escénicas cun evento que, ao longo desta fin semana, encheu Pontevedra de actividade.
O espectáculo de maxia Patapatún, tun, tun!!, a cargo do Mago Paco, foi o encargado de abrir na Casa Azul a programación deste segundo e última fin de semana dun festival que tamén ofreceu O sombreiro que voou, un conto vivenciado interpretado por Iria Ibusquiza e Ingrida Kontrimine no Palacete das Mendoza.
Caracoles, un espectáculo teatral de Eugenia Manzanera que se representou no Principal, ou o obradoiro musical Lúa, lúa, sol, que organizou a compañía La flauta mágica, foron as outras ofertas do Festival das Núbebes para o sábado.
Xa o domingo, último día do festival, un obradoiro de ioga para nenos con Iria Carrera no Palacete das Mendoza ou unha sesión de contos con Raquel Queizás na Casa Azul precederon á guerra de almofadas e ao concerto de Cé Orquestra Pantasma que, debido á choiva, tívose que celebrar baixo teito no Teatro Principal.
Un concerto da Banda Moirama con Marcelo Dobode, Beatriz Martínez e Percubebés, e a clausura a cargo de Baobab Teatro o seu entrañable Roque puxeron no Principal o broche de ouro a un festival que promete regresar o próximo ano con moita máis enerxía.
Relacionadas:
-
Cancelada a oitava edición do Festival das Núbebes
Por Redacción |
-
Esperando á próxima fin de semana con máis Núbebes
Por Diego Torrado |
-
Chegaron as "cousas bonitas" do Festival das Núbebes
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Maxia e un obradoiro de cociña por parte da Asociación Down 'Xuntos', principais novidades da VII edición do Festival Núbebes
Por Almu Dapena |