O Pazo da Cultura retoma a súa oferta teatral cun Josep María Pou convertido en Cicerón
Por Redacción
Tras o verán, volve a tempada teatral do Pazo da Cultura de Pontevedra. Será este venres 27 de setembro, a partir das nove da noite, coa representación da obra Viejo amigo Cicerón, protagonizada polo veterano actor catalán Josep María Pou.
Neste espectáculo, que chega á cidade baixo a dirección de Mario Gas, Josep María Pou ponse na pel dun Cicerón consumido polo seu desexo de inmortalidade e o seu anhelo de marcar a posteridade coa súa traxectoria vital.
O aspecto familiar e cotián atópase co pensamento político e filosófico nesta peza de nova creación, que ofrece unha profunda reflexión dramática sobre a realidade política, social e cultural da historia universal.
Bernat Quintana e Miranda Gas acompañan ao actor neste xogo metateatral sobre a figura do pensador, un cidadán comprometido, consciente dos seus propios erros e ávido defensor da honestidade e a integridade moral.
A obra convida á reflexión sobre a ética, a moral, a xustiza ou a convivencia mediante a guía do célebre orador Cicerón, unha das figuras fundamentais da política e o pensamento da Antiga Roma, que mantivo a coherencia das súas conviccións políticas en circunstancias adversas.
Viejo amigo Cicerón sitúa ao espectador na Antiga Roma, nunha etapa da que a sociedade actual é herdeira, para descubrir a un Cicerón humano, un intelectual que analizou as diferentes dimensións da vida en sociedade dende a razón e o sentido común.
As entradas para o espectáculo están en venda anticipada en Ataquilla.com e a Casa da Luz a partir de 18 euros máis gastos. Tamén se poderán adquirir dúas horas antes na billeteira do Pazo da Cultura no caso de non esgotarse antes.